Loading...
Historia e obxectivos da Fundación 2018-06-20T02:53:02-06:00

Desde 2010 a Fundación Manolo Paz veu ocupar un lugar moi especial dentro do panorama de espazos imprescindibles para a arte galega. A Fundación, posta en marcha polo propio Manolo Paz e dirixida por Julia García Escudeiro, acolle no seu seo o taller do escultor de Cambados, así como un grande espazo dedicado á exposición de obra dominado pola impoñente conxunción da arte e a natureza.  

Entre os seus obxectivos principais atópanse conservar, difundir e estudar a obra do escultor Manolo Paz; crear o Museo Manolo Paz Arte Contemporánea; organizar exposicións temporais e itinerantes así como simposios, cursos, seminarios e xornadas sobre arte contemporánea e poñer a disposición dos investigadores os fondos culturais, bibliográficos, artísticos, documentais, etc. que constitúan en cada momento o patrimonio da Fundación.

Actualmente a Fundación Manolo Paz é un espazo vivo, onde é posible gozar do legado dun dos artistas galegos máis sólidos da súa xeración. Representación de obras de períodos diversos ao longo de toda a súa carreira forman parte da extraordinaria colección particular do artista, posta a disposición do público amante da arte no marco incomparable do lugar de Quintáns en Castrelo (Cambados), xusto onde o Umia desemboca no océano Atlántico regalándonos unha paisaxe de extraordinaria beleza.

O espazo da Fundación está aberto á arte moderna e contemporánea en todas as súas facetas e realizacións. Xunto á exposición permanente de obra de Manolo Paz, é posible atopar o diálogo con obras doutros artistas e disciplinas grazas á colaboración con outros axentes culturais, institucións e persoas relacionadas co ámbito cultural e científico.

A Fundación Manolo Paz serve así para vehicular por unha banda a conservación dun dos mellores traballos artísticos desenvolvidos en Galicia nas últimas décadas, do mesmo xeito que para axudar na documentación e estudo da obra. Aparece tamén como un dos espazos imprescindibles para a arte non só galega senón española e internacional, aloxando unha das máis interesantes coleccións de escultura en espazo natural e seguindo un camiño no que a arte e a terra se aúnan para amosar por unha banda o espazo de comuñón e símbolos propios que xa atopou a xeración dos Renovadores, á vez que explorando todas as posibilidades conceptuais, técnicas e formais do noso tempo.

A Fundación conta co apoio de:

A FUNDACIÓN RECIBE VISITAS DE TODO O MUNDO, E APARECE NA RUTA TURÍSTICA INTERNACIONAL DE PARQUES ESCULTÓRICOS