Loading...
Os mares do mundo 2020-08-26T06:00:03-06:00

Project Description

Os mares do mundo

Comisario: David Barro

De vocación atlántica, na obra de Manolo Paz pesa o mar, que como dicía Otero Pedrayo goberna os procesos e as formas. Metaforicamente, poderiamos dicir que a memoria do mar moldea moitas das súas pezas. É un elemento fundamental da condición primixenia do seu traballo, que resulta evidente na expresividade das súas pedras, que nos remiten a muros, a cruceiros, ás formas megalíticas ou á arquitectura popular.

Neste proxecto, titulado Os mares do mundo, Manolo Paz rescata as redes de pesca dos mariñeiros para con elas xerar unha serie de módulos de diferentes tamaños, reproducindo as cores das augas, xa que estas, ao ser mergulladas, teñen que conseguir camuflarse para poder pescar os peixes que ao ver cores distintas ao mar, desviaríanse. Pero no caso das obras de Manolo Paz a cor xa non é un fin, senón un instrumento de conmoción. Manolo Paz traballa o contraste e a textura, revelando o potencial pictórico da súa obra escultórica. Porque a cor é aquí a resonancia da cor do mar. Coma se necesitase corresponder á expresividade das formas, emerxe naturalmente, como unha paisaxe dentro dunha paisaxe, acorde a esa tendencia ao envolvente que caracterizou a arte galega noutros momentos da súa historia. 

Manolo Paz representa como poucos o atlantismo, pola presenza constante da tradición, polo seu renovado primitivismo, polas súas raíces no popular, por como consegue aprehender unha sensación fresca e instintiva da cor ou por como consegue recuperar elementos e materiais autóctonos. Neste caso, a riqueza simbólica e física do mundo mariñeiro e das súas tradicións unido á potencia expresiva das súas formas.

En tempo de urxencias climáticas e dun renovado compromiso coa sustentabilidade, Manolo Paz continúa expresando a súa vontade de deixar falar libremente aos propios materiais.

Os mares do mundo son tamén bandeiras de cores que Manolo Paz une para desbaratar as súas fronteiras e conxugalas unidas nesa rede de redes, coma se fosen produto dun cadeirado en seco, sen argamasa nin cemento que os una, dialogando coa pedra da Praza de Fefiñáns, xogando cos seus tamaños, coas súas cores, coas súas intensidades. 

Manolo Paz asume os logros do minimalismo para introducir o humano, enriquecendo o rigor formal cunha asunción do pobre, da textura da propia vida. Manolo Paz non busca unha precisión matemática e prefire incorporar os accidentes, os borróns, o esfumado, as marcas da vida. Pouco importa se a forma é xeométrica e modular, unha vez que sempre se asume porosa, impura, medindo o espazo coa tensión do debuxo, expandindo o campo da visión cando a mirada se desestabiliza, como a cor do mar. 

 

Texto: David Barro
Debuxos: Manolo Paz
Fotografías: Adrián Baulde