Loading...
Contorno 2018-06-20T02:04:33-06:00

A Fundación Manolo Paz atópase situada nunha das inigualables paraxes da comarca do Salnés, xunto ao estuario do río Umia no lugar de Quintáns na parroquia de Castrelo (Cambados). A reserva de aves marítimas, a presenza do Océano Atlántico e da costa, son algunhas das compañías naturais da obra de Manolo Paz e do seu Museo.

Zona de marisqueo e pesca, a área de Cambados caracterízase pola forte presenza da pedra como elemento arquitectónico fundamental. O conxunto arquitectónico de Cambados ten, do mesmo xeito que a obra de Manolo Paz, o granito como elemento básico nas súas construcións, do mesmo xeito que os innumerables muíños que poboan a comarca. A Torre de San Sadurniño, a Ermida da Pastora, a Casa das Cunchas ou a área do Pazo de Fefiñáns que comprende o Pazo de Fefiñáns, a Torre do Homenaxe ou a igrexa de San Bieito son só algúns dos seus exemplos de arquitectura destacada. A presenza das grandes familias nobres galegas fixeron desta área unha zona chea de enormes Pazos. Os Alba, os Valladares, os Bazán, os Sotomayor ou os Figueroa entre outros, levantaron grandes edificacións de granito nas que resoan os estilos Renacentista e Barroco e que fan que hoxe en día o Conxunto Histórico de Cambados estea declarado Ben de interese cultural.

A Fundación Manolo Paz vén dalgunha maneira para sinalar a importancia da área de Cambados en relación aos desenvolvementos máis ousados e interesantes da práctica escultórica en Galicia. Nas proximidades da Fundación Manolo Paz atópase así o taller doutro dos grandes mestres da escultura contemporánea, Francisco Leiro, e esta tradición escultórica da zona viña xa marcada desde principios do século XX polo traballo e as propostas doutros dous grandes renovadores da escultura galega, Francisco Asorey e Narciso Pérez Rey. A conexión co ámbito cultural da área de Cambados móstrase así moi intensa na área da escultura sen deixar de abrirse a outros campos como o literario. No municipio aínda pode visitarse a casa museo de Ramón Cabanillas, participante activo das Irmandades da Fala e un dos máximos representantes da modernidade literaria en Galicia. Tamén a presenza do Camiño de Santiago e a Ruta do Pai Sarmiento reforzan o carácter cultural da área.

Xunto a estas tradicións nobres, escultóricas e literarias de Cambados e os seus arredores, existe tamén unha forte presenza da agricultura e a pesca. Estas son os motores económicos e vitais fundamentais do estuario do Umia e neste sentido a obra de Manolo Paz está repleta de referencias. Pezas como Áncora, Onde chega o marCatro estacións, Pleamar ou Marea negra, son indicativas de como comparte o seu coñecemento do medio con agricultores e mariñeiros. A presenza da natureza na súa obra, está marcada dalgunha maneira polas pautas dos homes e mulleres que viven do traballo no campo e o traballo no mar. Tamén as famosas Telleiras, construcións de pedra e ladrillo nas que se cocían tradicionalmente as tellas de barro e que se atopan nos arredores da praia do Facho en Castrelo, deixan o seu sinal na obra de Manolo Paz, coas súas arquitecturas de cúpulas de tixolos e pequenas teselas, neses momentos nos que a obra de Manolo Paz acumula pedras, como se fai ao construír telleiras, catedrais ou balados.

Por último é imprescindible sinalar quizá una das cousas máis definitorias da contorna da Fundación Manolo Paz, a omnipresencia da gastronomía, marcada polos peixes e mariscos da zona e das viñas e as adegas nas que se prepara o viño, coa apreciada uva Albariño ou con outras uvas do país que están a ser rescatadas e postas en valor polos adegueiros da zona, como o Caíño branco, o Espadeiro ou o Loureiro. Precisamente a esta uva Loureiro dedica Manolo Paz unha gran escultura presente no Museo Etnográfico e do Viño de Cambados; obra na que o granito se converte nunha serie de grandes copas de viño xunto a un lagar. Algunhas das máis importantes adegas da Denominación de orixe Rías Baixas atópanse na área de Cambados e xunto a elas constátase a presenza do viño na zona desde época romana, da que aínda se conservan algúns lagares preto dos viñedos.

NACÍN NUNHA PARAXE DE ALDEA QUE ERA UN SITIO CON MOITA VIDA NO CAMPO PERO NO QUE NON HABÍA NINGUNHA RELACIÓN CO MUNDO DA ARTE. O QUE SI HABÍA ERA UNHA ARTE DA AGRICULTURA MOI INTERESANTE, DE LABRAR AS TERRAS, DE CULTIVAR.PENSEI QUE, SE NO CONTORNO SE PLANTAN PATACAS OU MILLO, TAMÉN SE PODERÍAN PLANTAR ESCULTURAS.

.