Loading...
Biografía 2018-06-20T03:44:49-06:00

Manolo Paz nace en Castrelo (Cambados) en 1957. Entre 1978 e 1979 estudou na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela e un ano máis tarde traballa como profesor na Escola de Canteiros de Poio (Pontevedra).

En 1983 realiza a serie Satélites na que emprega materiais como o formigón e procesos de encofrado en ensamblaxes fragmentarios de aire industrial. No mesmo ano unha breve estancia en Nova York permitiulle tomar contacto con novas tendencias a través das visitas ao MOMA e outros centros de arte de vangarda.

Ao seu regreso de Nova York pasa «do satélite ao monólito», segundo as súas propias palabras, dándolle mais importancia á terra que aos conceptos espaciais. Desde este momento a súa obra céntrase en reflexións sobre o valor da cultura autóctona, dos seus símbolos, dos seus signos, do seu material (a pedra, o granito) e o seu diálogo coa memoria do lugar onde se van a colocar.

No ano 1984, a súa participación nas exposicións Encontros no Espazo e Imaxes dos Oitenta chamou a atención do galerista madrileño Fernando Vijande. Paz empezou a expoñer nas súas galerías entrando a formar parte dos circuítos nacionais de arte e participando en feiras e exposicións colectivas no estranxeiro.

En 1986 combina a madeira coa pedra. A madeira é presentada como peana en pezas cunha estética ascensional relacionada coa verticalidad do corpo, do tronco antropomórfico, non exento de connotacións fálicas, evidentes en pezas como Sipotes (1986).

Nas obras de 1989 entran en xogo factores máis racionalistas na súa obra, de equilibrios, tensións e volumes, de estabilidades horizontais, e consecución dun espazo relaxado ao redor de moles líticas en detrimento do límite da admiración que impoñen os fitos verticais anteriores.

Consegue a Bolsa Unión Fenosa de Creación Artística no Estranxeiro en 1992 e regresa a Nova York. Agora deixa a artificialidade da base e opta por unha posta en escena máis natural das súas pezas. Traballa nunha alternativa á talla directa e ao granito, realizando esculturas ensambladas de base xeométrica e constructivista, con toques neo-pop. Tamén experimenta co metal e comeza a traballar coa ensamblaxe orgánica das estruturas fragmentadas de granito.

En 1994 realiza unha das súas obras máis representativas: Familia de Menhires ou Menhires pola Paz, un conxunto escultórico de doce pezas situado fronte á Torre de Hércules, na Coruña.

Entre mediados dos anos noventa e comezos do século XXI Manolo Paz presenta os seus traballos de forma habitual na galería Trinta. De entre as súas exposicións individuais destacarán nesta época as realizadas na desparecida Estación Marítima da Coruña (1999), no Museo Barjola de Xixón (2000), na Fundació Pilar i Joan Miró de Mallorca, así como as mostras realizadas na madrileña galería Trama ou na compostelá SCQ. Nesta última exposición abandona o oco para centrarse máis na presenza da masa no baleiro.

En 2002 realiza Onde chega o mar, traballo que agora ocupa a entrada do Museo de Pontevedra onde nos introduce baixo unha batea de cultivo de mexillóns, tan presente na paisaxe galega como oculta na súa visibilidade. 

En 2003 realiza óbra Catedrais, obra de carácter eclesiástico e de recollemento que tamén anuncian dúas obras do ano anterior, Auga bendita e Capelas.

Realiza a cruz para o altar na que Bieito XVI oficiaría os actos litúrxicos durante a súa visita a Santiago de Compostela en 2010.

En 2011 a súa obra Menhir, unha peza de dez metros de altura e máis  de 120 toneladas de peso, instálase nos accesos das novas instalacións do aeroporto de Santiago de Compostela. Ese ano é nomeado académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario na sección de Escultura, pronunciando o discurso «A Pedra e o Home: Reflexos» e obtén o «Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas» e o Concello de Cambados concédelle o «Premio Ramón Cabanillas».

En 2012 presenta na Fundación Torrente Ballester de Santiago de Compostela A pedra e o home: Reflexos, realizada en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes. Nela presentaba unha serie de debuxos que acompañaban o seu discurso de entrada na Academia en 2011.

Ao ano seguinte ten lugar unha exposición individual no Museo de Pontevedra, Luna azul, comisariada por David Barro, na que utiliza por primeira vez o granito azul de Baía (Brasil) e ese mesmo ano participa tamén na colectiva Galicia Petrea, mostra comisariada por Miguel Fernández-Cid que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia.

2014 é o ano do seu regreso a América. Expón no Centro Cultural de España en Panamá (Casa do Soldado): Manolo Paz. A distancia que une. A exposición é a primeira do escultor en América en moitos anos e nela recompílanse pezas en madeira e pedra realizadas entre 1995 e 2013 sendo unha importante retrospectiva da obra do artista. Tamén é parte da selección de artistas da colectiva Auga Doce na Cidade da Cultura de Galicia.

A súa participación na exposición Narrativas monumentais, comisariada polo tamén artista Álvaro Negro no MAC da Coruña e en Ao carón do mar, unha mostra de escultura pública na que xunto a outros escultores galegos de distintas xeracións presenta a súa obra Nasa de estrelas realizada a partir de malla de aceiro son algunhas das súas últimas accións no ano 2016.