Loading...
A FUNDACIÓN VISTA POR MANOLO PAZ 2018-07-02T03:10:03-06:00

A FUNDACIÓN VISTA POR MANOLO PAZ

Nacín nunha paraxe de aldea que era un sitio con moita vida no campo pero no que non había ningunha relación co mundo da arte. O que si había era unha arte da agricultura moi interesante, de labrar as terras, de cultivar. Pensei que, se no contorno se plantan patacas ou millo, tamén se poderían plantar esculturas. A miña idea era crear un espazo propio no que traballar e expoñer as miñas obras, integralas na paisaxe, e que mellor paisaxe que o lugar onde nacín na desembocadura do río Umia (Castrelo- Cambados).

O meu interese pola escultura levoume coñecer outros lugares, a visitar os seus museos, a súa arquitectura. As vivencias que tiven en Xapón, en Nova York e noutros lugares do mundo fixéronme pensar que a miña terra non era un mal sitio para facer un museo. Cando regresamos de Nova York, no ano 1994, a idea volve aparecer e fomos ampliando un terreo que eu tiña herdado dos meus pais. O terreo foi medrando para poder amosar as miñas obras, neste espazo ao aire libre, e así fomos dándolle forma á Fundación. Reúnense aquí obras feitas dende finais dos anos setenta ata a actualidade.

É un espazo único en Galicia e segue a liña doutros parques como o Chillida-Leku, o de Henry Moore, ou Isamu Noguchi, museos realizados polos propios artistas. A Fundación contén tamén o obradoiro e ambos conviven ben. O obradoiro funciona como o lugar onde crear, onde ter a idea. Despois as obras poden realizarse noutros sitios como as canteiras, os talleres industriais e incluso no propio espazo que a obra vai habitar.

A Fundación recibe visitas de todo o mundo, e aparece desde esta paraxe de Cambados na ruta artística internacional de parques escultóricos. A filosofía da Fundación tamén é acercar dun xeito didáctico, desde idades temperás, a arte contemporánea as novas xeracións a través das visitas escolares, obradoiros, etc.

Pero quizais o máis importante do proxecto é poñer en valor a natureza, intentar coidala, respectala, porque é onde vivimos. Se somos respectuosos con ela, ela será sempre xenerosa con nós. É a mellor herdanza que podemos deixar para o futuro. O terreo da Fundación tamén está modelado, forma parte da concepción integral do traballo da escultura potenciando así o espazo natural pois para min a paisaxe é a mellor escenografía.

PENSEI QUE, SE NO CONTORNO SE PLANTAN PATATAS OU MILLO, TAMÉN SE PODERÍAN PLANTAR ESCULTURAS

ESTE É O MEU REFUXIO VITAL E ARTÍSTICO